Falamos do Castro

I Xornadas sobre a Conservación en Castros Galegos. Estado Actual e Perspectivas de Futuro

Cartel_Xornadas_400

Organizan:
Museo do Castro de Viladonga,
BIC. Materiales y Conservación

Colabora:
USC. Vicerreitoría do Campus de Lugo. Facultade de Humanidades

Patrocina:
Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Secretaría Xeral de Cultura
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Xunta de Galicia

Datas:
14 e 15 de xuño
do 2013

Lugar:
Día 14: Vicerreitoría da USC  (praza Pío XII, s/n. Lugo)
Día 15: Museo do Castro de Viladonga (N-640, km 70, Castro de Rei)

Inscricións:
Do 7 de maio ao 12 de xuño de 2013
Descarga o boletín de inscrición en PDF, éncheo (pode facerse no propio Acrobat) e envíao ao enderezo electrónico: museo.viladonga@xunta.es
1 crédito de libre configuración para alumnos da Universidade de Santiago.

Destinatarios:
Conservadores-restauradores, arqueólogos museólogos, xestores culturais, outros profesionais relacionados coa conservación e difusión do patrimonio cultural, estudantes de calquera materia afín e, ao cabo, calquera persoa interesada.
A Universidade de Santiago de Compostela recoñece un crédito de libre configuración ao seu alumnado (código RR. 2013/31).

Xustificación

Os castros son un exemplo de manifestación visible do patrimonio arqueolóxico galego. Existen en Galicia máis de 3.000 castros, pero só unha pequena parte deles tivo algún tipo de escavación e, aínda en menor número, está visible e visitable para o público en xeral. A preparación destes xacementos para o seu uso por parte da sociedade, galega ou foránea, xera importantes desafíos para a conservación das súas estruturas.

Tras varias décadas de actividade profesional no campo da conservación de castros, cómpre facer un punto de inflexión para reflexionar sobre o traballo feito ata o momento e expoñer as necesidades actuais para conseguir que as intervencións de conservación no futuro sexan eficaces e eficientes.

Pese a ser unha minoría no total dos xacementos castrexos, o certo é que neste momento contamos cunha boa mostra de sitios con características diferenciadas e, por tanto, con problemas distintos en canto a súa preservación nun contexto de uso público, e por iso resulta da máxima utilidade analizar as experiencias de traballo encamiñado a súa conservación e transmisión. Esta análise permitirá establecer uns  principios de acción positiva de cara a futuros traballos, favorecendo tanto os labores de consolidación e mantemento como a planificación dunha conservación preventiva e un uso público sostible.

A proposta consiste en desenvolver unhas xornadas de encontro, cunha parte teórica e outra práctica, cos seguintes obxectivos principais:

1. Crear un espazo de encontro e contacto para os profesionais que traballan na conservación e restauración e mesmo a xestión dos castros do Noroeste peninsular, diante da necesidade de intercambiar as experiencias de traballo e poder compartir e crear sinerxías.
2. Presentar as novas propostas e avaliar os resultados das intervencións, para facer transparente a información e promover unha aprendizaxe conxunta.
3. Compartir as experiencias con outros profesionais relacionados con estes temas (arqueólogos, museólogos, xestores do patrimonio…) así como co alumnado universitario de materias afíns, ofrecendo coñecementos útiles para o presente e o futuro.

As xornadas consistirán na presentación de intervencións en varios castros galegos, seleccionados cun criterio de representatividade baseado nos labores de conservación e restauración máis recentes. Son castros con características distintas tanto na súa localización coma nos materiais construtivos, a contorna, a historia das intervencións e o seu estado actual, as entidades e institucións de quen dependen e que os xestionan,   etc.

Por medio da análise da situación da conservación e restauración dos nosos castros, poderanse realizar propostas concretas de mellora, formuladas sempre a través do coñecemento achegado desde perspectivas técnicas fundamentadas. Con todo, cómpre non esquecer que neste tipo de actuacións interveñen outros factores e aspectos que implican outras aproximacións ao tema desde a arqueoloxía, a museoloxía, a didáctica, a comunicación, a difusión, o turismo, o medio ambiente e, particularmente a implicación da comunidade social, que poderán formularse en futuras xornadas sobre este mesmo tema.

Programa

Venres 14 de xuño de 2013

9:00 h. Recepción dos participantes e entrega de documentación.

9:15 h. Presentación a cargo de representantes das entidades organizadoras.

9:30 h. Castro de Viladonga (Castro de Rei)
Carolina Pérez, restauradora do Castro de Viladonga, e Marta Díaz, directora do proxecto de restauración do Castro de Viladonga (BIC Materiales y Conservación).
É o único castro que dispón dun museo de sitio. Xestionado pola Xunta de Galicia, como tal infraestrutura estable e ben dotada de medios humanos e técnicos favorece o seu coidado e o seu uso social e conta, ademais, cunha longa traxectoria de traballo e de xestión patrimonial e de conservación.

Croa_Viladonga

Castro de Viladonga

10:30 h. Castro de Vigo (Vigo)
Matilde González Méndez, directora do proxecto de musealización do Castro de Vigo.
É un dos proxectos máis anovadores de intervención integral nun xacemento urbano. Promovido polo Concello de Vigo, a súa institución xestora, foi financiado maiormente a través do Plan E de fomento do emprego.

Castro de Vigo

Castro de Vigo

11:30 h. Pausa para café.

12:00 h. Castrolandín (Cuntis)
Yolanda Porto Tenreiro, directora do proxecto de consolidación de Castrolandín.
Este castro é un dos poucos exemplos de proxecto desenvolvido por mor do interese e traballo dunha asociación cultural local o que mostra como a sociedade civil pode actuar na conservación do patrimonio arqueolóxico. Xestiónao a Fundación Terra Termarum e é propiedade da Comunidade de Montes de Castrolandín.

Castrolandín

Castrolandín

13:00 h. Castro de Baroña (Porto do Son): semellanzas e diferenzas cun castro de interior, Castromaior (Portomarín)
Luís F. López Gónzalez, arqueólogo e Miguel Ángel López Marcos restaurador (Terra Arqueos).
Supón o exemplo máis característico de castro costeiro. Neste castro, moi visitado, estanse a desenvolver, patrocinadas pola Xunta de Galicia, intervencións moi necesarias e interesantes para a súa conservación.

Castro de Baroña

Castro de Baroña

14:00 h. Pausa para xantar.

16:00 h. Castro de San Cibrán de Lás (San Amaro/Punxín): semellanzas e diferenzas cun castro de montaña, Sta. María do Castro de Cervantes (Cervantes)
Yolanda Álvarez González, arqueóloga e Miguel Ángel López Marcos restaurador (Terra Arqueos).
Trátase dun castro, ou máis ben un oppidum, de características particulares polo seu tamaño e polos problemas que presenta a súa conservación e adecuación para o seu uso público. Complementarase no futuro cun Centro de Interpretación da Cultura Castrexa dependente da Xunta de Galicia.

San Cibrán de Lás Calle general

Castro de San Cibrán de Lás

17:00 h. Castro do Facho (Cangas do Morrazo)
Marta Díaz, restauradora (BIC Materiales y Conservación) e Xosé Suárez Otero, director das escavacións no castro do Monte do Facho
Situado nun lugar singular da costa galega, pode ser un exemplo de como non sempre o interese arqueolóxico e histórico coincide coas necesarias actuacións para a súa conservación, complexa por demais. É xestionado polo Concello de Cangas do Morrazo.

Castro do Facho

Castro do Facho

18:00 h. Monte do Castro de Besomaño (Ribadumia)
Xan Santos Maneiro, responsable de restauración do castro de Monte do Castro en Besomaño.
A partir de 2011 realízanse nel intervencións promovidas pola Deputación de Pontevedra e dirixidas polo arqueólogo Rafael Rodríguez Martínez. Presenta importantes retos de cara a súa posta en valor, con interesantes elementos de construción en madeira e barro, excepcionais en Galicia.

Monte do Castro

Monte do Castro de Besomaño

19:00 h. Coloquio valorativo e posta en común.

Sábado 15 de xuño de 2013

9:30 h. Saída de Lugo (autobús para as persoas interesadas).

10:15 h. Visita ao Castro de Saa (A Pastoriza), xacemento visitable pero non escavado.

11:15 h. Visita ao Castro de Viladonga, para análise dos traballos de consolidación e conservación realizados neste sitio, comentados por Felipe Arias e Carolina Pérez (director e restauradora respectivamente do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga) e Marta Díaz (BIC Materiales y Conservación).

12:30 h. Posta en común e conclusións.

Relatores

Carolina Pérez Pérez
Licenciada en Xeografia e Historia (USC 1992) e diplomada en Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade de arqueoloxía (ESCRBCG, 1995). Máster Servizos Culturais (USC 2008). Restauradora do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga dende 2003 dedicada ao traballo de conservación e restauración dos bens mobles do museo e do xacemento.

Marta Díaz Fernández
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca en 1995, e diplomada en Conservación e Restauración de Bens Culturais pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia na especialidade de Arqueoloxía en 1998.
Socia e cofundadora da empresa BIC, Materiales y Conservación no ano 2000, dende onde traballa tanto na restauración e debuxo de pezas arqueolóxicas para museos como na conservación de xacementos. Algúns moi coñecidos como o Castro de Punta do Muíño, Santa Trega ou o Monte do Facho. Na actualidade dirixe os traballos de restauración do Castro de Viladonga.

Matilde González Méndez
Doutora en Prehistoria e Arqueoloxía, especialista en xestión do patrimonio.
Iníciase profesionalmente como membro do Grupo de Arqueoloxía da Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2001 traballa como profesional libre dedicada, fundamentalmente, a traballos de revalorización do patrimonio cultural que combina coa docencia en cursos de especialización e másters.
Autora de máis dunha treintena de artigos, capítulos de libros e monografías.
Membro español do comité internacional HERITY, sistema de evaluación da calidade na xestión de monumentos abertos ao público. Directora do proxecto de musealización do Castro de Vigo.

Yolanda Álvarez González
É licenciada con grao en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, na especialidade de Prehistoria. Cursou o ciclo de doutoramento presentando a súa tesina en 1992. En 1992 funda a empresa Terra Arqueos SL, desde a que realiza importantes campañas de investigación e escavación en numerosos xacementos, coordinando actuacións arqueolóxicas con traballos de restauración e postas en valor. Algúns dos máis destacados son o Castro de Sta. María de Cervantes (Lugo), o Castro de Laias (Ourense), os castros de Neixón (A Coruña), o Castro de Castromaior (Portomarín, Lugo), o Castro de Viladonga (Lugo), o Castro de Santa Trega (Pontevedra), a cidade romana de Lucus Augusti (Lugo), o Castro de Vigo (Pontevedra), Cimadevilla (Gijón, Asturias), Castroventosa (Cacabelos, León), Iria Flavia (A Coruña) e, especialmente, no Castro de San Cibrán de Lás (Ourense) onde se veñen realizando actuacións arqueolóxicas desde o ano 2000.

Miguel Ángel López Marcos
Licenciado en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e graduado en Conservación e Restauración de Bens Culturais pola Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Madrid, especialidade de Arqueoloxía en 1987.
Desde 1995 desenvolve o seu traballo na empresa Terra Arqueos, especializado na posta en valor de sitios arqueolóxicos e a conservación de estruturas in situ participando en mesas redondas sobre patrimonio reconstruído, como as das VIII Jornadas de Patrimonio Arqueológico de la Comunidad de Madrid, impartindo clases como no curso de Alta Especialización de Conservación do CSIC, e publicando diversos artigos sobre a necesidade de aunar principios de protección en xacimentos arqueolóxicos visitables.
Traballou en innumerables xacemientos de todo o mundo: Italia, Marrocos, Exipto…

Luis Francisco López González
Licenciado en Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria, pola Facultade Complutense de Madrid. Colaborou durante varios anos co departamento de Historia Antiga e Prehistoria do Centro de Estudos Históricos do CSIC. No ano 1992 paralelamente aos traballos de investigación funda a empresa de arqueoloxía e restauración Terra-Arqueos onde continua traballando activamente ata a actualidade, compaxinando a súa actividade profesional na súa especialidade arqueolóxica, coas múltiples intervencións arqueolóxicas levadas a cabo pola empresa. Colabora en proxectos internacionais. De forma paralela, na actualidade continua cos traballos de investigación na incidencia da minería aurífera romana e o poboamiento castrexo na conca alta do Navia e na conca media e baixa do río Miño.

Yolanda Porto Tenreiro
Licenciada en Xeografía e Historia na especialidade de Arte Antiga e Medieval (USC, 1992) e diplomada en Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade de Arqueoloxía (ESCRBCG, 1995). Traballa como conservadora-restauradora no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit, CSIC) desde o ano 1997 participando en proxectos de conservación e posta en valor de coleccións e xacementos arqueolóxicos. Foi responsable do proxecto de consolidación do castro de Castrolandín, Cuntis.

Xosé Suárez Otero
Licenciado en Arqueoloxía e Prehistoria, Universidade de Santiago (1984). Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra (1986). Arqueólogo e Conservador, Catedral de Santiago (1996-2006). Tecnólogo (investigación e promoción internacional do Camiño de Santiago), Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo (2007-2011). Membro da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico (Santiago). Membro do Instituto Arqueológico Alemán. Coordina o proxecto arqueológico Berobriga, Monte do Facho, Cangas (2003-2013). Coautor de El santuario galaico-romano de O Facho (Madrider Forschungen, e.p.). Proxecto The Virtual Romanesque Catedral of Santiago de Compostela, Experiential Technologies Center UCLA (coautor, 2002-2013). Conferencias: Museo Arqueológico Nacional, MNAC (Barcelona), Metropolitan Museum of Art (Nova York), Universidade de California, Os Ánxeles, Universidade de Bamberg, Lodz, Veracruz etc. Abundantes  publicacións sobre distintos temas de arqueoloxía galega.

Xan Santos Maneiro
Licenciado en Belas Artes (UVI 2012). Diplomado en Conservación e Restauración de Bens Culturais na especialidade de Arqueoloxía (ESCRBCG, 2004). Máster Universitario en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural no Itinerario de Xestión Profesional do Patrimonio Arqueolóxico (USC-Laboratorio de patrimonio Cultural CSIC, 2006-2007). Experiencia profesional na consolidación e musealización de diferentes castros: Neixón, Borneiro, Zoñán e A Lanzada entre outros. Actualmente é responsable do proxecto de restauración do castro de Monte do Castro en Besomaño, Ribadumia, Pontevedra.