Ocupando toda a coroa dun outeiro desde o que se dominan amplos horizontes da Terra Chá, dos Montes do Monciro e do Mirador, e da Serra de Meira, o Castro de Viladonga pertence á parroquia deste mesmo nome, no concello de Castro de Rei, e está situado á beira do km. 70 da estrada N-640 de Lugo a Oviedo por Meira e Vegadeo. Constitúe un verdadeiro exemplo ou modelo formal de castro, con varias murallas e foxos (sobre todo polo lado de Nacente) que albergan dous “antecastros” ou aterrazamentos, e unha ampla croa ou acrópole. Nesta croa é onde se encontran a maioría dos restos das construcións (vivendas, currais, almacéns e outras dependencias) feitas de pedra de lousa e xisto, xunto con grandes coios de cuarzo, que se cubrían unhas (as de tipo circular) con teito de palla, e outras (as cuadrangulares de muros rectos) con tellas de barro introducidas pola influencia romana.
Desde 1971, e en dúas grandes fases distintas (unha ata 1977 baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas e outra desde 1982 dirixida por Felipe Arias Vilas) véñense realizando no Castro de Viladonga traballos arqueolóxicos que permitiron poñer á vista aquelas construcións e, tamén, atopar moitos materiais que son os que se gardan e exhiben no Museo do mesmo xacemento. Entre os obxectos descubertos figuran torques (colares ríxidos de ouro) e outros adornos, taboleiros de xogo, moedas de ouro e de bronce (sempre romanas), dous pasarrendas e outros atalaxes de cabalería, armas e ferramentas de pedra, bronce e ferro, unha gran cantidade de apliques, broches, fibelas e febillas, vidros e, desde logo – pois é o elemento máis abundante neste tipo de xacementos arqueolóxicos -, moitos restos de cerámica, tanto de tradición castrexa como romana de tipo común ou máis refinada como a terra sigillata: olas grandes, potes de varios tamaños e ás veces con tapadeira, xerras, fontes e pratos, coadores, cuncas, vasos, etc.
As estruturas defensivas e de habitación do Castro e os materiais que continuamente proporciona, evidencian un asentamento ou ocupación importante sobre todo entre os séculos II e V despois de Cristo (ou sexa hai 1.700 ou 1.500 anos), e fan de Viladonga un lugar clave para coñecer, estudar e comprender a evolución da cultura castrexa na etapa galaico-romana, ambas as dúas de importancia singular na historia de Galicia.
A visita ó Castro compleméntase coa do Museo situado no mesmo lugar, onde se explican, coa axuda das novas tecnoloxías, as características do xacemento e se expón cunha axeitada montaxe museográfica unha selección representativa dos obxectos nel aparecidos. Así, o visitante ten a oportunidade de obter unha comprensión máis completa desta parte do Patrimonio e de Historia galega en xeral e lucense en particular.
O Museo creouno o Ministerio de Cultura en 1983 e abriuse ó público en 1986. En 1989 pasou a ser xestionado pola Consellería de Cultura da Xunta, que fixo unhas importantes obras de reforma e ampliación entre 1992 e 1994.
De cara ó público está estruturado en cinco Salas: unha serve de Sala de Actos e exposicións temporais utilizada tamén para a proxección de audiovisuais, mentres outra ten un carácter de Sala de Información Complementaria. Pero as tres Salas principais e máis atractivas do Museo son as que se dedican a expoñer e explicar, de xeito didáctico e informativo ó tempo que ameno e agradable, os diversos materiais e obxectos aparecidos no Castro.
O Museo, ademais de ocuparse do coidado, vixilancia e conservación do xacemento, realiza diversas actividades didácticas e culturais, moitas delas en colaboración cunha activa Asociación de Amigos do Castro fundada en 1989 e que patrocina a web www.aaviladonga.es