Protocolo de actuación
Antes de realizar calquera intervención, é primordial, por seguridade, balizar as zonas de traballo e de paso para evitar a afluencia de visitantes. Despois, lévanse a cabo unha serie de traballos previos que consisten na elaboración dunhas fichas de diagnose de cada estrutura, con debuxos e fotografías, e unha recollida de mostras de argamasas para posteriores análises: No castro existen dúas coloracións, unha ocre e outra vermella.
Nesta campaña, igual que na anterior, fanse dúas rozas da vexetación combinando medios manuais con medios mecánicos: unha ao inicio e outra ao final dos traballos. Deseguido, veñen os tratamentos de restauración, nos que a limpeza manual dos muros empregando escobas, paletíns e brochas, é común a todas as estruturas.
Como a meirande parte das alteracións rexistradas consisten en derrubes, laxes en mal estado, abombamentos ou perdas da verticalidade nos muros, etc. o procedemento a seguir, dun modo moi xeneral, consiste no desmonte ou a substitución das laxes deterioradas por outras en bo estado. Para isto, é necesario debuxar e siglar os muros a desmontar ou tratar, e despois recolocar as laxes na posición inicial rexistrada nos debuxos, con argamasa de cal hidráulico pigmentado segundo a coloración orixinal. Os tramos remontados diferéncianse colocando debaixo unha liña de puntos formada por pequenos cuarzos do xacemento.
A protección final dos muros faise cubríndoos con lousas e terróns con herba. Aínda que este método poida resultar chocante, vén dando moi bos resultados.
Para finalizar, só dicir que outro tipo de actuacións, tamén moi importantes e a miúdo esquecidas, son a realización de recheos e de drenaxes puntuais. Sendo a auga o principal factor de deterioración nun xacemento ao aire libre, estes últimos evitan os asolagamentos en áreas non desexadas e conducen as escorrentas ata onde non poidan supoñer un perigo para as estruturas, mentres que os recheos, ademais de facilitar a accesibilidade ao castro, protexen os muros sobreescavados do risco de derrube.