Falamos do Castro

Patoloxías

Aínda que cada estrutura ten as súas particularidades e precisa dunha diagnose específica, durante todos estes anos de traballo desenvolvido no Castro de Viladonga véñense observando una serie de patoloxías que se repiten ao longo de todo o xacemento e que definen a súa conservación:

  • A escavación arqueolóxica deixou visibles os alicerces ou cimentacións das estruturas, co conseguinte risco de descalce por asento continuo ou parcial (mesmo arco de descarga).
Sobreescavación

Sobrescavación e descalzamento dos muros

  • Diferenzas de cotas entre paramentos exteriores e interiores, as veces moi pronunciadas, especialmente nas vivendas encostadas á muralla, e que favorecen un empuxe do terreo que incide directamente sobre á estrutura. Esta acción tamén favorece as filtracións de auga co conseguinte lavado das argamasas, e polo tanto, movemento de laxes.
P1150283

Noiro

  • Perda de chumbada nos paramentos con formas de alteración tipo: “combamento” e “alabeamento” (pola falla de solo de protección no leito e lavado de argamasas orixinais).
P1150281

Visita do combamento

  • Derrubes parciais que afectan tanto a paramentos como a cabeceiras (pola causa anterior e tamén polo enchoupamento de auga que sofre a argamasa feito que facilita o movemento das laxes).
P1150749

Derrube na cara exterior de muro

  • Movemento de laxes e falla de trabazón (polos meteoros e pola acción antrópica).
  • Perda de efectividade da argamasa orixinal de barro (falla de mantemento e acción dos meteoros –lixiviación ou lavado-).
P1150320

Derrubes e perda mampostos por perda da efectividade das argamasas

  • Na muralla pódese ollar unha carga excesiva ou sobrepeso (rochas, terra, etc.) que inducen a un xiro na estrutura e un noiro excesivo. A auga embolsada no seu interior, recheo, tamén pode favorecer o derrube e colapso da mesma.
P1130815

Abombamento por sobrepeso na muralla

  • Alta humidade, favorecida polo tipo de protección de cabeceira que se debe poñer en relación coa alteración das laxes.
P1150797

Exfoliación das laxes superiores por colonización biolóxica e alta humidade

  • Colonización biolóxica diversa que tamén favorece o mantemento da humidade e xera problemas pola acción das raíces e outras alteracións menos graves. Hai plantas vasculares, sobre todo, de tipo herbáceo nas estruturas habitacionais e de tipo herbáceo e arbustivo sobre a muralla; tamén, liques, brións, fungos e bacterias. Insectos (formigas, abellas..) e réptiles e mamíferos de pequeno tamaño abundan no recinto arqueolóxico.
P1140218

Niño de rato

  • Alteración física e química das laxes (alta exfoliación). As laxes teñen textura “esquistosa” (rocha metamórfica) e pizarrosa e pódense apreciar cristais de cuarzo, moscovitas, biotitas e plaxioclasas. Polas oxidacións observadas poderíase entrever a presenza de materiais ferruxinosos. Os planos de exfoliación parecen marcados polos filosilicatos. A sensación máis importante do estudo organoléptico e baixo microscopio no laboratorio da empresa é o da disgregación ou arenización polo que non se desbota a existencia de caolinita a partir da hidrólise do feldespato.
P1150935

Exfoliación das laxes

  • A outra alteración ollada é un tipo de reconstrución que emprega un tamaño de laxe moito maior que a dos orixinais e que sobresae un pouco da sección do muro.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Reconstrución con laxes de maior tamaño

  • Por último, algunhas reconstrucións antigas con cemento.
P1150285

Consolidación con cemento

Os muros polo tanto aséntanse sobre o terreo e recheos dependendo da configuración orixinal sen practicamente cimentacións, ou con cimentacións moi pobres (escasa sección).

As argamasas son fundamentalmente arxilosas e propias do entorno. A porcentaxe de finos fronte a grosos é evidente a simple vista.

Os enlousados tamén son apreciables no interior das estruturas e semellan asentarse directamente sobre o terreo sen ningunha preparación. Os pavimentos só se poden ollar en estruturas escavadas recentemente (ano 2009).

Os perfís arqueolóxicos amosan diferentes capas facilmente disgregables e polo tanto, amósanse con derrubes.

En xeral, as alteracións máis frecuentes veñen de antigo. Consideramos un estado de conservación malo para todo o conxunto non tratado.

Saber +

SILVA HERMO, Benita; PRIETO LAMAS, Beatriz, e PEREIRA PARDO, Lucía*. “Análise dos factores de detetioración do castro de Viladonga“. Revista CROA, n.º 18, 2008, pp. 14-19
* Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio. Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola. Universidade de Santiago