Falamos do Castro


Conclusións

  • En primeiro lugar destácase a alta participación e o enorme interese suscitado por estas Xornadas en todos os aspectos do seu desenvolvemento, teórico e práctico, o que pon de relevo que son cuestións importantes no ámbito da arqueoloxía e da restauración.
  • Do anterior dedúcese que se pode pensar na continuidade deste tipo de reunións, se houbese recursos e medios para facelo, e completando o panorama coas achegas de exemplos doutras zonas lindeiras como Asturias, León, e o Norte de Portugal.
  • Púxose de relevo a gran importancia que ten a preservación e a conservación do patrimonio arqueolóxico para permitir a súa transmisión ao futuro, ademais de   difundilo e comunicalo a toda a sociedade. Logo dunha escavación, e cando´n así proceda e sexa posible, deben acometerse actuacións de coidado e mantemento continuo.
  • Non existe unha única fórmula de intervención axeitada, a xeito de “receita máxica”, pero si se está conseguindo delimitar as fórmulas que son incorrectas e inservibles. Cada caso pode ter unas peculiaridades propias que esixen solucións diversas segundo o contexto arqueolóxico, xeográfico e histórico (ademais de social no momento de actuar) e, loxicamente, segundo os medios e recursos dispoñibles. En todo caso, é imprescindible e obrigado sempre acometer un proceso de estudo e documentación demorado antes de intervir cos criterios de conservación e restauración universalmente aceptados.
  • Resaltouse a necesidade de colaboración entre as distintas administracións que interveñen nestes procesos patrimoniais, sen prexuízo da que ten a competencia legal (Comunidade Autónoma) ou de quen é propietaria dos sitios (Administración Local, outros entes públicos ou privados) ou de quen promove a actuación (ás veces as propias comunidades sociais).
  • Precisamente por iso, é absolutamente imprescindible contar coa implicación social nestas actuacións sobre o patrimonio arqueolóxico, por medio de todo tipo de entidades, asociacións, voluntarios, persoas concretas a título individual, etc.

Rematou o acto co agradecemento de Dolores Dopico pola realización das Xornadas, que revelan o traballo exemplar que se fai en Viladonga e, así mesmo, coa intervención de Felipe Arias, como director do Museo, para agradecer a colaboración das outras entidades (a USC a través da súa Facultade de Humanidades en Lugo e a empresa BIC. Materiales y Conservación) e sinalando que a cuestión é ir facendo cousas, ás veces sen grandes medios pero de xeito continuado e constante, tal como se foi facendo no conxunto patrimonial do Castro e o Museo de Viladonga.


Visita ao museo e peche das Xornadas

Logo da visita ao Castro, os que quixeron tiveron a posibilidade de facer unha visita ao Museo antes de pasar á Sala de Actos, para facer as conclusións finais e pechar as Xornadas.

Os visitantes no museo.

Algunhas das participantes no Museo.

Peche das xornadas e conclusións finais por Carolina Pérez, Dolores Dopico, Felipe Arias e Marta Díaz.

Peche das Xornadas e conclusións a cargo de Carolina Pérez, Marta Díaz, Dolores Dopico e Felipe Arias.


Visita ao Castro de Viladonga

O sábado día 15 realizouse só a visita guiada ao Castro de Viladonga (concello de Castro de Rei), xa que a que estaba programada ao Castro de Saa (no concello da Pastoriza) non puido facerse pola dificultade dos accesos para o autobús despois deste duro inverno e pese á mañá espléndida de nos acompañou.

De Lugo saíu un autobús cunhas 30 persoas con destino a Viladonga, onde foron recibidos polo director do Museo, Felipe Arias e as restauradoras Carolina Pérez, vestida de castrexa para a ocasión, e  Marta Díaz para guiar a visita. Neste percorrido, ao que se foi sumando máis xente que acudiu en coches particulares, explicóuselles aos visitantes os traballos de restauración do castro dende o ano 2008 ata a actualidade. Así mesmo, suscitáronse e comentáronse varias cuestións e dúbidas non só sobre os temas de conservación senón tamén sobre aspectos arqueolóxicos do xacemento e o seu contexto histórico. Cabe destacar o interese e a participación xeral dos asistentes a esta visita práctica, que mesmo incluíu a cova na que se acha un mofo luminoso no antecastro Leste do xacemento.

Os visitantes antes de comezar o percorrido polo castro. Podedes ver a Carola  feita toda unha castrexa.

Os visitantes antes de comezar o percorrido polo castro, con Carolina caracterizada de castrexa..

Marta Díaz explicando os tratamentos realizados sobre  a entrada da muralla

Marta Díaz explicando os tratamentos realizados sobre a entrada da muralla.

Comentando o tema das cubertas con lousas.

Comentando o tema das cubertas con lousas.

4

Felipe Arias explicando varios aspectos arqueolóxicos do Castro.

A restauradora explicando a intervención deste ano.

A restauradora explicando unha parte da intervención deste ano 2013.


O debate nas Xornadas

Despois das sesións dos relatorios e a última hora da tarde, tivo lugar o debate final, moderado por Felipe Arias.

Iniciouse con cuestións sobre os pigmentos orgánicos e inorgánicos que se utilizan nos morteiros de restauración no Castro de Viladonga, ó que a relatora respondeu detallando os usos de cada tipo de pigmento.

Antonio Presas comenta que toda escavación debe ser conservada e fala da necesidade da posta en valor dos xacementos porque a xente da rúa non aprecia o patrimonio

Matilde González resposta que en España non se considera o valor da cultura fronte a Europa que si o fai. Os arqueólogos somos os que poñemos en valor ao xacemento, dando unha explicación pois por si mesmos son mudos. O aprecio comeza co entendemento, e esa debe ser o noso labor.

Cristina aclara que é arqueóloga e que nota que a xente non entende o que facemos, non ten información do que é a arqueoloxía, porque, por exemplo, nas escolas non se lle dá aprecio nin valor. Non se coñece a diferencia entre os castros e o estudo de gabinete separadamente do xacemento. Escávase pero xeralmente non se conserva ou se conserva pero non se mantén, e a xente non entende ese esforzo. Os xacementos non se entenden pola falta de cultura. 

Lourdes disente de Cristina e di que ela mesma aprecia que os galegos teñen facilidade de percibir os castros na paisaxe. Ela non quere carteis, quere ver a paisaxe tal cal é e ter así a liberdade de imaxinar.

Yolanda Porto, malia entender a posición anterior, cre que temos necesidade de facer didáctica do noso traballo, e denuncia que non existe unha política cultural que apoie esta necesidade.

Luís López sinala que se intervén pero logo moitas veces non se manteñen esas actuacións. En calquera xardín faise mantemento e con todo o que é un castro esquécese unha vez que se escava ou se intervén nel e acaba no abandono.

Miguel apunta que a dicotomía entre arqueoloxía e a conservación xa non existe. É algo que se  retroalimenta e advirte que hai un espírito moi catastrofista no coloquio.

Xabier pregunta sobre se os elementos arquitectónicos de desaugue en San Cibrán de Lás eran as orixinais ou falseados para as drenaxes e, así mesmo, pregunta a José Suárez por qué o santuario do facho non está na croa do Monte do Facho senón máis abaixo.

José Suárez responde que na croa había un espazo libre que non debía de parecer capacitado para ter cuberta porque eran pequenos muros e este espazo non xerou material ningún. O santuario non esta nin abaixo nin arriba: a croa é un elemento importante do santuario do que formaba parte ao igual que outras estruturas, nas cales se realizaban actividades relacionadas co santuario; nalgunhas aparecen vidros, cerámicas e outros materiais, pero unha vez que pasas o foso xa estás no santuario, todo é o santuario.

J.J. Molina confesa que viña ás Xornadas crendo que se ía a atopar cuns principios dogmáticos básicos dos que todos os restauradores participaban, pero que tivo unha sorpresa ao ver que cada caso podía ser válido: Uns respectan o orixinal, noutros recrécense os muros e outros son un parque temático.

Luís López ironiza que no castro de Cervantes foi o que menos se recreceu, porque só se subiu unha fiada…

Cristina pregunta a José Suárez se a cerámica que aparece xunto ao puñal e a daga no Monte do Facho era mais elaborada que a que aparece noutros castros porque na croa adoitan aparecer cerámicas mais elaboradas.

José Suárez contesta que eran bastante simples para esa época. Eran olas simples que non tiñan que ver coas que aparecían noutros castros e que no castro aparecen poucos fogares nos que aparece material moi sinxelo, eran olas litúrxicas e non para comer.

Felipe Arias reconduce o debate cara a temas máis xerais tendo en conta ademais que se achega a hora de concluír.  

Antonio Presas insiste en que os arqueólogos non achegan o seu traballo á xente e incluso lles molesta explicar o seu traballo e iso afasta á sociedade da arqueoloxía.

Felipe Arias aclara que se isto é así hai que denuncialo, pero matiza que nos últimos dez ou doce  anos este panorama cambiou notablemente.

Dolores Dopico insiste en que ultimamente existen visitas a xacementos e a nivel divulgativo e cultural se esté avanzando moito. Igual que hai anos non había unha educación medio-ambiental, agora hai que facer o mesmo co patrimonio. As asociacións poden empuxar por motivos de vontade pero é obvio que ninguén pode substituír o labor da administración.

Unha participante portuguesa sinala que en todas as disciplinas hai bos e malos profesionais e a arqueoloxía non ía ser menos neste aspecto.

Antonio Presas recorda que os castros abandonados propician o espolio e pregunta se a utilización do xeorradar  propicia este ao poder detectar con eles pezas valiosas como torques.

Rafael Rodríguez contesta, porque entende que é unha alusión, que desde a Deputación de Pontevedra usan o xeorradar para abaratar custos nas prospeccións xa que permite visualizar onde hai restos de estruturas, pero que non detecta pezas.

Dentro dunha tónica xeral de coincidencia de que hai que potenciar a idea do mantemento continuo dos sitios arqueolóxicos, Matilde González comenta que outra opción sempre é escavar, documentar e logo tapar.

O debate deuse por concluído, aínda que varios temas quedan abertos para a discusión, para o que sen dúbida serán útiles todos os relatorios e as conclusións que se van “colgar” na pestana de “Xornadas” deste blogue.


Monte do Castro de Besomaño (Ribadumia)

O último relatorio que pechou esta xornada foi o relativo aos traballos no Monte do Castro, a cargo de Xan Santos Maneiro, responsable do proxecto de restauración e posta en valor do Castro de Monte do Castro en Besomaño  Logo de presentar unha ficha técnica da escavación, fixo un desenvolvemento moi exhaustivo da intervención de restauración neste castro, agradecendo a colaboración de todas as persoas que participaron no proxecto.

Neste castro escávase e despois consérvanse as estruturas aparecidas, decidindo poñer en valor á última fase de ocupación do xacemento. Tamén hai unha preocupación pola divulgación dos traballos realizados ao longo de cada campaña. Como elemento diferencial, destaca a preocupación pola formación dun grupo de persoas especializadas para axudar na consolidación. O curso foi de dúas semanas e os resultados foron moi satisfactorios pois había xa un coñecemento pleno dos materiais e das técnicas reconstrutivas.

Actualmente estase pendente de continuar cunha terceira fase.

Carolina Pérez e Xan Santos

Relatorio de Xan Santos

Para máis información:
http://www.pousadas.depo.es/web/pousadas/detalle-excavacion?article-id=48330


Castro do Facho (Cangas do Morrazo)

Carolina Pérez deu paso logo ao relatorio sobre o Monte do Facho. O arqueólogo director das escavacións no Monte do Facho, José Suárez Otero, realizou un ameno discurso sobre este singular xacemento, no que comentou as características iniciais que, en orixe, se pensaba que o caracterizaban. Este castro comezouse a escavar cientificamente no ano 2003 e críase que era un castro moi especial pola súa situación estratéxica preto do mar, como outros castros similares. Cando, xa hai décadas,  apareceron as primeiras aras,apareceu a idea de santuario.

As escavacións do 2008 foron moi importantes para definir a identidade do castro, pois se comprobou que en todos os espazos exhumados aparecían estruturas internas e non aparecía ningún material dentro delas, pero si elementos rituais como, por exemplo, un coitelo e unha daga e, noutra, fichas de xogo.

Así, o xacemento do Facho non é un castro propiamente dito senón dous santuarios en dúas épocas distintas, dúas realidades históricas diferentes. Nas estruturas aparece material relacionado coas actividades do santuario e non serían vivendas como sucede noutros castros.

É unha das zonas máis visitadas da provincia, ademais dun xacemento único en Europa, e foi declarado BIC en 2011.

Por outra banda, a restauradora de BIC, Materiales y conservación, Marta Díaz sinalou as diferenzas coa intervención no castro de Viladonga, destacando a dificultade para realizar os traballos debido á localización xeográfica do xacemento, que tamén é un factor de deterioración moi importante, e que a restauración estivo sempre supeditada á escavación e á investigación, realizándose case en paralelo para acadar que quedara xustificado o financiamento por parte do Concello de Cangas. Finalmente, resaltou o estado de abandono no que está o xacemento na actualidade.

Unha imaxe deste relatorio presentado por Carolina Pérez.

O relatorio sobre O Facho de Donón.

Para máis información sobre o Monte do Facho podedes consultar os traballos de José Suárez Otero nesta ligazón: http://independent.academia.edu/Jos%C3%A9Su%C3%A1rezOtero


Castro de San Cibrán de Lás (San Amaro/Punxín): Semellanzas e diferenzas cun castro de montaña, Sta María do Castro de Cervantes (Cervantes)

Pola tarde, Carolina Pérez presentou o relatorio de Yolanda Álvarez e Luís López, arqueólogos da empresa Terra Arqueos, onde fixeron outra comparación entre os traballos realizados en San Cibrán de Lás e en Sta. María de Cervantes. Despois dunha breve introdución arqueolóxica, pasaron a comentar os puntos principais de ambas intervencións.

No caso de san Cibrán de Lás, destacaron:

  • Delimitación de las estruturas e intervención inmediata.
  • Protección curativa e preventiva.
  • Lectura volumétrica e monolóxica.
  • Diferenciación do engadido.
  • Reversibilidade.
  • Identificación e interpretación dos restos.
  • Presenza dun centro de interpretación próximo ao castro que garanta o mantemento do xacemento.

Respecto a Sta María de Cervantes:

  • Escavación de urxencia, xa que durante as obras de construción dunha rotonda aparecen estruturas arqueolóxicas.
  • Castro relativamente pequeno.
  • Está preto dalgunhas explotacións auríferas romanas.
  • É un castro galaico-romano fronte a Castromaior que é sobre todo prerromano.
  • Aparición de moitas estruturas que ofreceron problemas moi particulares en canto á súa conservación. Algunhas estaban sobre outras estruturas aproveitando espazos.
  • Finalmente, fixeron autocrítica, pois non sempre foi posible achegar as mellores solucións a problemas que se deron á hora de integrar os restos no conxunto.
Yolanda e Luís comentando os traballos en San Cibrán de Lás

Y. Álvarez e L. López comentando os traballos en San Cibrán de Lás.

Para saber máis podedes visitar a páxina web de Terra Arqueos:
San Cibrán de Lás
Santa María de Castro


Castro de Baroña (Porto do Son): Semellanzas e diferenzas cun castro de interior, Castromaior (Portomarín)

Posteriormente, Dolores Dopico presentou a Yolanda Álvarez e Luís López, da empresa Terra Arqueos, que despois dunha breve descrición arqueolóxica dos dous xacementos, fixeron unha comparación dos mesmos, destacando, entre outras cousas, que en Castromaior se empregan pequenos recrecidos en altura para definir qué muro é anterior ou posterior, e que a restauración se fíxose entre 2009 e 2010 e que na actualidade xa hai derrubes, debidos ao abandono ao que caeu o castro despois da restauración.

No caso de Baroña, expuxeron os criterios de intervención característicos deste sitio:

  • Actuación nas zonas máis deterioradas.
  • Consolidación  das estruturas máis agredidas.
  • Recuperación de elementos desaparecidos.
  • Eliminación de falsos históricos
  • Reinterpretación das estruturas.
  • Realce de elementos monumentais.
  • Bases para restauracións futuras.
  • Divulgación.
  • Plan de mantemento.
  • Ausencia de falseamentos.
  • Explicación dos dous momentos de reconstrución da muralla.
  • Reconstrución con documentación de elementos xa perdidos: realización de aterrazamentos para poder realizar a reconstrución dunha casa.
  • Recuperación de elementos construtivos (como portas) tapiados en intervencións anteriores.

Por último, fixeron fincapé na necesidade de facer un mantemento despois de calquera intervención.

8

O relatorio de Yolanda Alvarez e Luís López sobre Castromaior

Castro de Baroña:
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=31633&lay=1189

Castromaior:
http://www.terraarqueos.com/portfolio/castromaior


Castrolandín (Cuntis)

Despois dunha pausa, Dolores Dopico, profesora de Historia Antiga da Facultade de Humanidades de Lugo, deu paso a Yolanda Porto, do proxecto de consolidación de Castrolandín, que falou do proxecto de Castrolandín, un dos que máis incitou ao debate. Despois de presentar unha ficha técnica do castro e unha descrición minuciosa da intervención, fixo fincapé en que a mellor característica deste proxecto era que estaba ben dimensionado, pois os obxectivos perseguidos eran  realistas e, por tanto, poderían continuarse. O guión a seguir na intervención é o habitual nestes casos: estudo / diagnose / intervención directa, para achegar solucións técnicas aos problemas.

As guías a seguir nesta intervención son:

  • Volver a soterrar cando a seguridade na intervención restauradora non ten garantías.
  • Elección dun elemento diferenciador de argamasa coloreada.
  • Reversibilidade.
  • Importancia do mantemento realizando unha roza anual que, ao ser continuada no tempo, é suficiente para manter o castro en boas condicións.
  • Importancia de actividades de divulgación (conferencias, exposicións, cursos, etc.) sobre o castro e sobre os traballos de restauración.
  • A cartelería fíxose tamén correctamente por estar ben dimensionado, sendo baratos e fáciles de repoñer.
  • Neste castro a escavación non é unha prioridade. Son necesarias reparacións dos traballos realizados.
  • A didáctica e a comunicación é o mellor deste proxecto.
  • A investigación céntrase no tratamento das pezas.
  • O proxecto móvese polo impulso da fundación “Terra Termarum”.

Yolanda Porto suscita unha serie de interrogantes e cuestiónase  a definición dunha serie de termos usados na restauración como: mínima intervención, comprensión, musealización, e reconstrución fronte a reintegración. E, por último, sinala varias frontes abertas:

  • Conservación material fronte a restauración didáctica.
  • Reconstrución “in situ” fronte a arqueoloxía virtual, onde denuncia que se é máis indulxente coas incorreccións que se producen na segunda opción.
  • Rematou sinalando as consideracións que deben seguirse para o éxito en Castrolandín:
    • Manter o modelo de xestión.
    • Programar actuacións ben dimensionadas.
    • Atender a novas necesidades que aparezan para a súa conservación.
    • Seguir xerando curiosidade coas accións que se deriven desta intervención.
Foto da sala no momento deste relatorio.

A sala no momento do relatorio de Yolanda Porto.

Para saber máis: http://www.castrolandin.es/


Castro de Vigo (Vigo)

Felipe Arias deu paso logo á seguinte relatora, Matilde González, directora do proxecto de musealización do Castro de Vigoque , despois de facer unha introdución da historia do Castro de Vigo e de describir o proxecto, resaltou que este, que formaba parte do Plan E, por unha banda foi unha oportunidade, pero por outra determinou o feito de ter que acabalo nun tempo limitado.

Os principios orientadores do traballo foron:

  • Arqueoloxía da paisaxe (ambiente de vida)
  • Interpretación do patrimonio (carta ICOMOS)
  • Recuperación do xacemento para facelo útil aos cidadáns de Vigo.

Sinalou que non existe un Plan director do sitio, o que sería algo moi importante neste caso, parecéndolle fundamental subir ao blog toda a ficha técnica do Castro de Vigo e dando as grazas a todos aqueles que participaron e fixeron posible o proxecto, marcado polos seguintes aspectos:

  • Necesidade de pensar o futuro sostible dun sitio.
  • Posibilidade de organizar mellor as actuacións para acceder a ese futuro pensado.
  • Axuda para buscar financiamento.
  • Importancia da narrativa, pois o relato é clave.
  • Transmisión ao público o feito da importancia dos restos.

Propón non determinar as accións nin movementos polos datos. A interpretación do patrimonio é a comunicación máis válida da información. A información con amor chéganos antes e existe unha necesidade de traballar para públicos diferenciados.

Os proxectos son froito da vontade de alguén, que tamén pode ser a xente da comunidade local e non só dos políticos, sinalando neste proxecto o papel importante da arqueóloga municipal do Concello de Vigo.

Matilde Alvarez durante o seu relatorio

Matilde Alvarez durante o seu relatorio

Para saber máis:
http://hoxe.vigo.org/movemonos/m_castro.php?lang=cas