Falamos do Castro


ENTROIDO, LELIÑO, PASPÁN, MAMÓN !!!

ENTROIDO NA CASA DA AVOA ADELA

Cristina Fdz (4)

Cristina Fernández Lamela

Na nosa recollida de tradición oral pola contorna de Viladonga, ás veces, atopamos sen buscar. Cristina Fernández Lamela contounos como festexaban o martes de Entroido na casa da súa avoa Adela de Castro Riberas de Lea. Convidounos ao seu lugar de traballo, o espazo ISKOO en Lugo, e rodeadas de obras de arte, gravamos en video a súa experiencia de nena. O postre e a risa eran os grandes protagonistas, as típicas orellas e roscas de anís tiñan sorpresa. A quen tiña a sorte de atopar a sorpresiña que estaba dentro dalgunha das roscas ou das orellas todos lle cantaban unha cantiga. Pero esta historia védela no vídeo que tedes abaixo.

orellas-de-carnaval

Orellas de anís, típicas do Entriodo

 

Advertisements


DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Castro de Viladonga, aberto aos ventos,
ollando as vagas nubes fuxidías,
illote de altivez e de impotencia,
ergueito como o puño dun petrucio
na soidade sen fin da Terra Chá,
habitado por cobras e lagartos,
xestas, uces, toxos e carqueixas
nas que aniña, cecáis, a cotovía
e florecen ufanos os balocos:
estalos pra ninguén, festas de nada…

Castro de Viladonga, círculo máxico,
símbolo do Pai Sol e máis da Vida,
feito da mesma terra que o meu corpo,
arraigado no ser da miña tribo
como unha mao nobre e xenerosa
o colo maternal, pois na Galiza
só hai feituras de colo ou mar aberta.
¿Pra quen, pra que, por que
tantísima ternura derramada…?

Castro de Viladonga, montón breve
de vellas pedras nas que vive
o silencio, a ruína, a soedade:
imaxe xusta e fiel da miña patria.

Manuel María
De Versos do lume e vagalume, 1982

cotovía

cotovía no castro, maio 2015

 


NOITE MÁXICA NO CASTRO!!!

cartel

A Noite Europea dos Museos, realizáse anualmente durante o sábado máis próximo ao día 18 de maio, no que se celebra o Día Internacional dos Museos. Tivo o seu inicio en Berlín en 1997 e dende entón tense espallado internacionalmente, impulsado polo ICOM e o Consello de Europa.

Neste 2015, a Noite Europea dos Museos terá lugar o 16 maio, permitindo aos visitantes acceder gratuitamente aos museos en horario nocturno e con actividades extraordinarias. Trátase dunha visita diferente das súas coleccións e cun enfoque máis sensorial e inusual.

O Museo do Castro de Viladonga participa desde o ano 2005 con diversas propostas de animación cultural, onde o público asiste activamente e goza deste evento festivo. A visita nocturna ao castro convírtese nun momento máxico.


Visita ao Castro de Viladonga

O sábado día 15 realizouse só a visita guiada ao Castro de Viladonga (concello de Castro de Rei), xa que a que estaba programada ao Castro de Saa (no concello da Pastoriza) non puido facerse pola dificultade dos accesos para o autobús despois deste duro inverno e pese á mañá espléndida de nos acompañou.

De Lugo saíu un autobús cunhas 30 persoas con destino a Viladonga, onde foron recibidos polo director do Museo, Felipe Arias e as restauradoras Carolina Pérez, vestida de castrexa para a ocasión, e  Marta Díaz para guiar a visita. Neste percorrido, ao que se foi sumando máis xente que acudiu en coches particulares, explicóuselles aos visitantes os traballos de restauración do castro dende o ano 2008 ata a actualidade. Así mesmo, suscitáronse e comentáronse varias cuestións e dúbidas non só sobre os temas de conservación senón tamén sobre aspectos arqueolóxicos do xacemento e o seu contexto histórico. Cabe destacar o interese e a participación xeral dos asistentes a esta visita práctica, que mesmo incluíu a cova na que se acha un mofo luminoso no antecastro Leste do xacemento.

Os visitantes antes de comezar o percorrido polo castro. Podedes ver a Carola  feita toda unha castrexa.

Os visitantes antes de comezar o percorrido polo castro, con Carolina caracterizada de castrexa..

Marta Díaz explicando os tratamentos realizados sobre  a entrada da muralla

Marta Díaz explicando os tratamentos realizados sobre a entrada da muralla.

Comentando o tema das cubertas con lousas.

Comentando o tema das cubertas con lousas.

4

Felipe Arias explicando varios aspectos arqueolóxicos do Castro.

A restauradora explicando a intervención deste ano.

A restauradora explicando unha parte da intervención deste ano 2013.


Comezo dos relatorios: Castro de Viladonga (Castro de Rei)

A restauradora do Castro de Viladonga, Carolina Pérez, e Marta Díaz, directora do proxecto de restauración do Castro de Viladonga (BIC, Materiales y Conservación SLL), abriron os relatorios logo dunha presentación a cargo de Felipe Arias.

Carolina Pérez fixo un percorrido sobre as intervencións no Castro de Viladonga dende os anos 70 ata a actualidade, insistindo especialmente na preocupación que houbo xa dende o principio pola conservación do Castro e a diferenza entre os termos “consolidación e restauración”, pois en Viladonga, debido ás alteracións das lousas,  case sempre se fixeron restauracións anastilósicas. A representante de BIC continuou explicando as intervencións no xacemento a partir do ano 2008, onde se recolle a tradición dos anos anteriores, pero mellorándoa e engadindo novas solucións de conservación, sobre todo no referido ás drenaxes e á protección dos muros.

Unha imaxe deste primeiro relatorio.

Unha imaxe do primeiro relatorio.


Nova visita dos Técnicos de Patrimonio do Servizo de Arqueoloxía

O pasado día 7 de xuño visitáronos, novamente, Don Juan Antonio Cañizo Fraga e Don José Ignacio Vilaseco para facer unha valoración e comentar os resultados da escavación que se tiveron que realizar en dous dos espazos da intervención: as estruturas 44 e 45 (espazo 4),  que necesitaron da eliminación dun derrube da muralla ao que estaban encostadas; e as estruturas 35 e 36  (espazo 5),  cuxos paramentos exteriores do muro sur estaban ocultos .

Os problemas graves que se suscitaban, despois dos traballos de escavación, eran os da estabilidade do lenzo da muralla que quedaba visible, xa que non se contemplou  no  proxecto deste ano ningunha intervención sobre os mesmos unha vez liberados. Fixéronse varias propostas e chegáronse a conclusións que expoñeremos en canto as levemos a cabo.

Temos que destacar e agradecer o compromiso destes dous técnicos en particular cos traballos de consolidación do castro de Viladonga.

Emilio Ramil, ol arqueólogo director dos traballos de consolidación do castro de Viladonga explica os pormenores da escavación aos técnicos de Patrimonio.

Emilio Ramil, ol arqueólogo director dos traballos de consolidación do castro de Viladonga, explica os pormenores da escavación aos técnicos de Patrimonio.

O director do museo Felipe Arias explica as novedades que se desvelan nos restos da muralla escavados.

O director do museo Felipe Arias explica as novidades que se desvelan nos restos da muralla escavados.


Remata o prazo de inscrición para as Xornadas

Hoxe remata o prazo de inscrición para asistir as Primeras Xornadas sobre a Conservación en Castros Galegos. Xa superamos as cen inscricions, e esperamos que as expectativas se cumplan e sexa todo un éxito. Desexamos que sexan días de encontro e debate entre todos. Vémonos o venres. E o ano que vén, mais.