Falamos do Castro


VILADONGA EN MADRID

Unha ola de cerámica de Viladonga exposta no MAN

ola (2)

Ola de almacenaxe

O Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid (MAN) reabriu as súas portas no 2014, tras 6 anos de remodelación integral do edificio e cun novo deseño expositivo. A ampliación das áreas públicas permite aos visitantes unha mellor visión de súa ampla colección de pezas. Asemade dispón dun moderno equipamento tecnolóxico e unha mellor accesibilidade para todos os públicos.

Neste proceso de renovación museográfica, o MAN solicitou ao Museo do Castro de Viladonga, un exemplo de cerámica prerromana. Enviáronse varias fotofografías deste tipo de pezas e elixiron unha ola de almacenamento. Foi en decembro de 2012 cando esta ola viaxou a Madrid como depósito temporal e  para ser exposta.

Copia de Protohistoria-Topo13-11

A peza de Viladonga na vitrina do fondo na sala do MAN

Trátase dunha ola de uso común empregada para cociñar ou almacenar líquidos. Pertence a unha tipoloxía de ola que adoita aparecer en castros prerromanos do Noroeste peninsular de entre o século IV a. C. ata os séculos II e III da nosa Era.

Hoxe podemos contemplar esta peza como parte da exposición permanente do MAN, nunha das salas da primeira planta, na sección de “Protohistoria”. Nunha vitrina que está dedicada á “Identificación de las producciones cerámicas” presenta pezas de cerámica de diferentes puntos da xeografía peninsular; a ola de Viladonga representa a cerámica de tradición castrexa do Noroeste.

A peza foi recuperada nas escavacións no castro realizadas nos anos 70. Pero o seu estado inicial era moi diferente ao que actualmente podemos ver exposto, pois atopouse nun total de 93 fragmentos. A pesares do seu estado, a peza estaba case completa, polo que dada a súa representatividade se tomou a decisión de restaurala e recuperar a forma orixinal.

ola MAN

A ola antes e despois da restauración

A restauración desenvolveuse a partir do 2011 baixo a coordinación da restauradora do museo, e a cargo nunha parte da bolseira en prácticas de restauración da Consellería de Cultura e Turismo. Seguíronse uns criterios de actuación que buscaba a mínima intervención, garantir o máximo respecto ao material orixinal e a diferenciación das reintegracións. Logo da limpeza e clasificación dos fragmentos, algúns foron sometidos a unha consolidación para despois  proceder ao proceso de montaxe, pegado e reconstrución. Esta fase resultou complexa debido á fragmentación da peza e as partes perdidas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Proceso de restauración

Todo o proceso de restauración foi obxecto dunha exposición temporal do Museo do Castro de Viladonga no 2012. Aquí podedes descargar o folleto da exposición, onde se explica o proceso da restauración da peza: folleto

 

 

 

Advertisements