Falamos do Castro


Un “meteosat” a pequena escala

P1160993

Cómpre recoller a maior cantidade de  datos para facer despois unha boa diagnose.

Advertisements


Comezamos!!

P1170012

Comezamos  balizando o perímetro a intervir e montando  unha “estrutura” (co que temos a man) para gardar as ferramentas e os materiais necesarios para iniciar os traballos.


Ata un camiño de mil légoas…

… comeza cun paso, di un proverbio chinés. Neste mes de abril de 2013 empezamos o segundo ano dos traballos de “Acondicionamento e consolidación arqueolóxica do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo)”. Un plan de dous anos cofinanciado con fondos europeos FEDER baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que comezou en 2012 coa restauración de varias estruturas do Barrio Norte do Castro, da chamada Casa Grande e dun treito de muralla. Pero este plan non é máis que o pequeno treito dun longo camiño de mil légoas: o que leva a garantir a perdurabilidade deste ben cultural chamado Castro de Viladonga. O primeiro paso deuse alá pola década dos stenta cando se fixeron as primeiras escavacións neste xacemento arqueolóxico baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. E BIC Materiales y Conservación incorporouse a el en 2008 coa restauración do barrio central do Castro. Neste blog trataremos de contar e explicar estes labores encamiñados á conservación do Castro.

bic 2

Así como no ano 2012 as tarefas de condicionamento centráronse nos denominados espazos 1, 2 e 3, este ano a área a intervir abrangue estruturas dos espazos 4, 5, 6 e 7. Este último espazo, situado no centro do Castro, é novo e vén substituír a tres das estruturas do espazo 6 (situadas na parte sur) cuxa restauración estaba inicialmente prevista. A dirección do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga decidiu concederlle prioridade nos tratamentos xa que, debido aos danos sufridos neste inverno, este espazo precisa dunha intervención de urxencia se se quere impedir que o deterioro vaia a máis.

A dirección arqueolóxica da intervención está a cargo de D. Emilio Ramil González (de AXA Arqueoloxía) e os labores de restauración están baixo a dirección de Dna. Marta Díaz Fernández (BIC Materiales y Conservación) en estreita colaboración co persoal e a dirección do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga aos que, dende xa, queremos agradecer a calidez e o aprezo cos que nos reciben e acollen cada ano dende 2008. Grazas, en especial, ao seu director, D. Felipe Arias, e á súa conservadora, Dna. Carolina Pérez.

A quen botaremos de menos este ano é a un perosonaxe que se fixo auténtico “dono” do Castro e do cariño de todos nós: Titiño, o terror dos ratos de Viladonga, que hai pouco que foi adoptado. E aínda que agora ronronea de ledicia noutros lares témolo sempre nos nosos pensamentos. Agardamos a súa visita.

TITIÑO1

Titiño

E mentres outros se mudan, aínda hai quen pensa no Castro de Viladonga como nun bo lugar para vivir.

Foto0030